Friday 19 de April de 2024

O delegado Territorial da Xunta e o alcalde de Noia supervisan o inicio das obras de construción da senda peonil de Orro


A Consellería de Infraestruturas e Vivenda completa a senda peonil de Orro cun investimento total de preto de 100.000 euros

O O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro e o alcalde de Noia, Santiago Freire, visitaron as obras que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a executar para completar a senda peonil na travesía de Orro, no concello de Noia, e que supón unha inversión total de preto de 100.000 euros. Esta nova actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez está dirixida a obter unha mellora na seguridade viaria dos veciños e veciñas desta parroquia noiesa.

A través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) executarase a última fase da senda peonil, que fará posible continuar o tramo realizado no ano 2016 no núcleo de Orro, no tramo da AC 550 (P.Q. 69+570 – 69+940) e no que se investiron 60.000 euros. Para seguir mellorando as condicións actuais da rede viaria municipal nunha zona de elevada densidade de poboación, a Consellería inviste mais de 35.000 euros na execución doutro treito da citada estrada comarcal (P.Q. 69+940 – 70+300), cumprindo co obxectivo de seguir a mellorar a seguridade viaria na entorna.

Para acometer esta actuación cóntase cun prazo de execución de 2 meses, sendo adxudicada a súa execución a Excavaciones Nima SL por mais de 35.000 euros. A intervención prevista pola Consellería de Infraestruturas afecta ao tramo que comeza no P.Q. 69+940 e termina no P.Q. 70+300. Desde o P.Q. 69+940 ao P.Q. 70+110 cun ancho de 2 metros para rematar a beirarrúa existente e desde o P.Q. 70+110 ao P.Q. 70+300 construirase unha nova senda.

Colaboración co Concello

Dentro da liña de colaboración conxunta da Consellería e o Concello de Noia, as obras aproveitará os traballos realizados con anterioridade polo Concello para eliminar un punto de verquido de augas residuais xa que algunhas vivendas da zona tiñan as súas acometidas de saneamento conectadas á rede de pluviais, á que ían parar directamente as augas residuais que logo remataban nun riachuelo. Uns traballos que incluíron a construción dun muro necesario para a contención da senda peonil.

Santiago Freire explica que “o que fixemos dende o Concello de Noia foi investir uns 60.000 euros en instalar a canalización do saneamento e un bombeo en Orro para eliminar os verquidos que se viñan levando a cabo nesta zona, ao tempo que deixamos preparada a zona para completar a senda peonil iniciada pola Xunta en 2016”. O alcalde noiés agradeceu a Ovidio Rodeiro o compromiso da Xunta con Noia e indicou que esta actuación é un exemplo dun bo traballo conxunto de Concello e Xunta a prol dos veciños.